Friday 03 de May de 2024

A Praza de Abastos de Ordes presenta un aspecto renovado e modernizado tras as últimas obras


Investíronse 174.000 € cos que se realizaron diversas intervencións, ademais do equipamento dunha cociña para realizar cursos e Cookings Rooms

O Concello de Ordes realizou unha serie de melloras na súa praza da abastos co fin de adecuar e modernizar estas instalacións dedicadas á venda e comercialización de produtos naturais alimentarios. Unha intervención orzamentada en 174.000 € e subvencionada nun 50% pola Consellería de Economía e Industria. O proxecto executado inclúe a colocación de portas acristaladas de acceso de vidro temperado de seguridade e a supresión da rampla ao non cumprir coa normativa vixente, ampliación dos banzos que conforman a escada principal, colocación de falso teito con láminas de PVC, peche de ladrillo na zona de acceso traseira, melloras no cuarto de cadros eléctricos, arranxo de filtracións de auga nun dos postos, instalación de peches, instalación de equipamentos de cociña na primeira planta, ademais de labores de pintado tato nas paredes como no chan.
O proxecto final sufriu certas modificacións puntuais con respecto ao inicial. Destácase o aforro próximo aos 12.000 € ao suprimirse as portas automáticas de acceso por outras de tipo manual. “Grazas a isto podemos proceder coa instalación e equipamento da cociña, na que se realizarán cursos que, ademais, servirán para promover os produtos que se poden adquirir na mesma praza”, explica Beatriz Martínez Candal, concelleira de Urbanismo. Ao respecto cabe salientar que a primeira das citas que albergará este espazo será o obradoiro de cupcakes orientado aos nenos e nenas do municipio, o cal se desenvolverá neste mes de decembro dentro da programación de Nadal.
Disto e de moito máis tiveron ocasión de falar Martínez Candal e José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, na visita que recentemente efectuaron á praza de abastos. Alí comprobaron de primeira man o resultado final das obras, ademais de palpar o parecer dos comerciantes alí instalados. Unha visita á que tamén se sumaron outros membros do seu equipo como Susana García ou Ana Soneira, quenes coinciden unanimemente na importancia deste espazo na actividade económica desta zona, e na necesidade de plans que contribúan a aumentar e reactivar a súa actividade.